Thursday 19 de September de 2024

O alcalde de Brión agradece a extraordinaria colaboración de veciños, empresas e entidades locais na recollida especial de alimentos do Nadal


As achegas veciñais ao programa “Brión solidario” incrementáronse significativamente con respecto a campañas anteriores, cando aínda falta a achega do partido solidario deste domingo

O Concello de Brión ven de repartir nestes días os alimentos recollidos na terceira edición da campaña de Nadal de “Brión Solidario”, que este ano practicamente duplicaron as achegas de edicións anteriores. O alcalde de Brión, Xosé Luís García, indica que “a solidariedade dos veciños e veciñas de Brión, ben de xeito individual ben a través de movementos veciñais ou mesmo de empresas e entidades do municipio, foi realmente asombrosa e non temos máis que palabras de agradecemento por tal nivel de cooperación nuns tempos que non son nada doados para ninguén”.

Xosé Luís García explica que “este sorprendente incremento das achegas por parte da veciñanza non só permitiu practicamente duplicar os alimentos que se lle entregan as familias que precisan desta axuda, senón que grazas tamén a que a contribución do Banco de Alimentos foi moi superior a anos anteriores podemos dicir que mesmo levamos bastante traballo adiantado de cara a próxima entrega. Sen dúbida será un importante reforzo para o reparto de marzo”.

O alcalde brionés agradece especialmente a implicación amosada por algunhas asociacións veciñais e parroquias que, coma no caso da parroquia de Ons, se organizaron para realizar unha recollida masiva entre a veciñanza. Ademais, salienta que moitas empresas do municipio respostaron ao chamamento do Concello e colaboraron economicamente coa campaña. “E falta aínda a achega do partido solidario do UD Bastavales, que terá lugar este domingo pola tarde e no que o Bastavales, a SD Brión e a SD Luaña xogarán un triangular onde a entrada será doar algún alimento non perecedoiro”, apunta Xosé Luís García.

Recollida nos supermercados

Así mesmo, dende os Servizos Sociais de Brión salientan o éxito doutra das novidades deste ano: a recollida de alimentos directamente nos supermercados. Unha iniciativa á que se sumaron o supermercado Froiz de Monte Balado e o supermercado Claudio de Pedrouzos. Ademais, salientan a importante achega recibida este ano polo Banco de Alimentos, especialmente con produtos como leite e galletas, así como unha significativa partida de turrón, típico destas datas.

O programa “Brión Solidario” é un proxecto municipal para a recollida e reparto de alimentos entre as familias máis necesitadas do municipio nacido en decembro de 2012 e que entrega alimentos trimestralmente a unha trintena de familias desfavorecidas no municipio, axudando directamente a case un centenar de persoas.

Estas familias son seleccionadas polos Servizos Sociais de Brión, a través de criterios totalmente obxectivos, e durante os últimos días puideron puideron recoller de forma totalmente discreta os paquetes de alimentos elaborados polas integrantes da Asociación de Mulleres Xuntanza de acordo ás necesidades de cada familia.